Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Oroso abre a matrícula nos cursos CCNA Cisco, unha certificación recoñecida en deseño e soporte en redes LAN e Wan


O prazo da matrícula estará aberto ata o 11 de setembro

O Concello de Oroso, a través da Aula Mentor EducaOroso, abre hoxe luns a matrícula nos cursos CCNA Cisco, unha certificación universalmente recoñecida como un estándar da industria para o deseño e soporte en redes LAN e Wan, xa que garante que os estudantes certificados gocen dun alto nivel de coñecementos. A inscrición estará aberta ata o próximo 11 de setembro na Aula Mentor (rúa do Deporte, 7), no teléfono 981 688 950 ou a través do enlace dispoñible na web do Concello de Oroso (www.concellooroso.com).

Nesta convocatoria ofértanse todos os módulos do novo currículo Cisco CCNA 5 Routing and Switching. A diferenza do resto da oferta formativa da Aula Mentor EducaOroso, estes cursos teñen uns prazos moi ríxidos e comezarán a impartirse o día 14 de setembro, cunha duración de 5 meses. Para cursar un módulo Cisco hai que superar previamente os módulos anteriores.

Durante esta semana do 7 ao 11 de setembro os titores xestionarán a alta dos alumnos matriculados na plataforma Cisco Networking Academy (NetACAD), de xeito que se poidan iniciar as clases o 14 de setembro.